17 de septiembre de 2011

A TERRA DAS MOAS (II)

A “Terra de Molis” abranguía, cando menos, os actuais concellos de Mos e O Porriño.
Paradóxicamente as Moas do Porriño son as que, casi con toda seguridade, serviron de referencia aos antigos habitantes destas terras. Estas moles graníticas destacan tanto na paisaxe, que por forza tiveron que chamar a atención daquela sociedade tardorromana ou medieval e pervivir na toponimia ata os nosos días.
Seguramente con anterioridade, no neolítico ou no tempo dos castros, estes enormes penedos foron lugares de culto (todo se verá) e xa recibirían algún nome relacionado coa pedra pero a lingua daqueles nosos devanceiros non chegou a nos.

Coa chegada dos romanos o latín foi asimilado pola sociedade castrexa e non resulta extrano que as xentes das ribeiras do Louro ou os camiñantes que transitaban pola recen creada XIX via militar tomaran como referencia estes monumentos da natureza. Creo que foi nese momento cando estas terras comenzaron a coñecerse como “Terra de Molis”.


Foto: Panorámica do Faro de Budiño

Na Parroquia de Budiño está a mellor moa de esta Terra de Molis, O Faro de Budiño.



Foto: Faro de Budiño.

Como iremos vendo, estas moles de pedra, foron ocupadas en diferentes épocas da nosa historia como lugar de proteción ou para exercer un control e vixiancia do territorio. O Castelo de Cans e outra das moas inconfundibles desta paixase e no seu curuto houbo unha fortaleza que foi derrubada polas revoltas dos irmandiños.
As pedras do Faro de Budiño están falando con Manuel Gago e nos xa podemos saber algo máis desta parte da nosa historia no seu blog “Capítulo cero”, eiquí deixo o enlace:http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/03/02/republicas-de-homes-libres-o-faro-de-budino-e-o-misterio-das-furnas-video/

Foto: Faro de Budiño dende o Norte.



Foto: Castelo de Cans.


Hoxe en día O Porriño e mundialmente recoñecido polo granito rosa, que se extrae de estas grandes moas causando a súa destrución. Outra parroquia porriñesa fala por sí mesma, Mosende (etimolóxicamente, mos-ende - onde hai moitas mos).


Foto: canteira

Todos estes penedos teñen o seu nome e polo tanto, todas estas pedras falan. Unhas falan do que a xente facía no seu entorno, ou enriba, ou debaixo e outras teñen lendas asociadas ás que temos que prestar atención. Irei publicando estes datos pouco a pouco en futuras entradas, para dar conta de moas coma “o Penedo de Noiteboa “, no monte da Risca e outras, das que eu chamo de tamaño medio, que ainda sobreviven ante as novas edificacións no centro da vila (lembro algunhas que non chegaron aos nosos días, unha mágoa pero algo sempre queda).

Deixo uns enlaces sobre o Castelo de Cans e o Faro de Budiño.



Ata o seguinte capitulo da Terra das Moas.

1 de septiembre de 2011

A TERRA DAS MOAS (I)

A TERRA DAS MOAS (I)
Terra de Molis – Terra de Moas – Terra de Mos – Concello de Mos.

O concello de Mos, no Val da Louriña, garda no seu topónimo o antigo nome que recibiron estas terras regadas polo río Louro. A referencia máis antiga (s.XIII) fala de “Terra de Molis, situada no Val da Louriña”.
Este topónimo foi malinterpretado, na escola sempre nos dixeron que tiña relación cunha suposta abundancia de muíños e varias publicacións locais teñen dado por boa esa razón. Segundo esta teoría, a moa (ou roda de muíño; pedra circular que xira enriba de outra máis grande chamada pé do muiño), é a orixe do topónimo.
En Mos non hai máis muíños que en calquera outro pobo de Galicia e de ser certa esta teoria, outros lugares, nos que si hai unha gran cantidade de muíños, recibirían o nome de Mos ou Moas.

UN HOME QUE TRADUCE A FALA DAS PEDRAS.

Unha conferencia de Gonzalo Navaza en 2005 botou abaixo esta teoría dándolle outro significado ao termo “moa”. Cando saín do local da Asociación de Veciños “Chan do Bosque” comecei a ver moas por todas partes.



Foto : Moa en Chan do Bosque

Tiven a oportunidade de expresar todo isto cando recibín o encargo de recuperar algunhas partes do muíño do Valente (ver aquí, http://www.m-arte.eu/escultura.htm). Ao pé deste conxunto instalouse un panel que desmitifica a relación Mos – moas de muíño e apunta un novo significado e a verdadeira orixe do topónimo.


Foto: Moa aberta polos canteiros

Nas seguintes entradas veremos ata onde chegaba realmente esta Terra de Molis. Estes penedos son numerosísimos e lamentablemente están perdendo o nome que recibiron antigamente (a Muruxeira, o Franquiño, a Pedrapinta,….).
Tratarei de recuperar os nomes destas pedras para ver o que teñen que decir.

Ah! Entre elas está a “Pedra que fala”, que lle deu o título a este blog.