4 de noviembre de 2011

DOUS MENHIRES NA PARROQUIA DAS MOS. A LAPA DA PENACOVA E A PEDRAFITA DO SALGUEIRÓN.

As pedrafitas, ou menhires, comezaron a erguerse no Neolítico para sinalar un sitio especial. Estas pedras fincadas no chan marcaban os límites dun territorio controlado por un pobo determinado, que as levantaba nos cruces dos camiños ou nos pasos naturais entre montañas. Deste xeito, calquera que transitara por eses camiños sabería que estaba a entrar nas terras pertencentes a este pobo en particular.
Estas pedras seguiron usándose e levantándose cando menos ata a Idade Media e a súa función non variou ao longo do tempo. As pedrafitas que aínda están en pé hoxe en día seguen a delimitar concellos ou parroquias.
No monte comunal da parroquia de Mos hai un lugar chamado “A pedrafita”, onde por momentos non sabes se estás na parroquia de Louredo (San salvador), na parroquia das Mos (Sta. Eulalia) ou na parroquia de Cillarga (Ponteareas). O lugar é máis coñecido como Chan do Marco e nas inmediacións hai un xacemento do Calcolítico onde apareceron cerámicas campaniformes (o paso de motos de cross deixounas ao descuberto) e dúas mámoas.

Foto: Panorámica da portela de Chan do Marco.

Foto: Mámoa do Salgueirón
Foto: Corte da pista por onde suben as motos deixando ao descuberto as cerámicas campaniformes. Visita guiada ao xacemento do Calcolítico (Festa da Prehistoria, 2006).

A pedra desapareceu, probablemente pola apertura dun cortalumes, pero seguimos a oír a súa voz. Este sitio é unha portela pola que pasaba un camiño real, a Verea ou Brea, que sae de Vigo e atravesa o Concello de Mos pasando polo alto de Puxeiros e as parroquias de Dornelas, Torroso e Mos.
Foto: A Verea (camiño real) e o camiño actual.
Foto: Tramo da verea oculto pola vexetación.
O que si cambiou nas pedrafitas que chegaron aos nosos días foi a súa simboloxía. Graváronse cruces para cristianizalas ou letras para identificar os nomes dos territorios que separan. Noutros casos mudaron de nome para chamarse marco, pedra alta, pedra moura, etc,... e a tradición oral mitificou a súa función engadíndolles propiedades fecundadoras ou máxicas a estas pedras frecuentadas por mouros e meigas.
Podedes ver máis pedrafitas en onosopatrimonio.blogspot.com

UNHA PEDRAFITA LEVANTADA NO SÉCULO XXI. A LAPA DA PENACOVA. Este ano, para conmemorar a X edición da Festa da Prehistoria, erguemos un menhir no parque da Penacova. Neste caso, a pedra sinala os dez anos desta celebración didáctico-festiva e as tribos participantes agarráronse ás cordas para tirar da pedra ata o seu buraco e poñela en pé. Anteriormente os participantes poideron gravar unhas coviñas e cazoletas ao xeito do menhir máis famoso da nosa terra, a Lapa de Gargantáns (Moraña).
Foto: Lapa de Gargantáns (Moraña).
Foto: Lapa da Penacova.

Aquí podedes ver a secuencia de fotos do levantamento e tamén do gravado.


Foto: Membros da tribo "Os Demos", gravando coviñas na X Festa da Prehistoria (agosto 2011).