30 de diciembre de 2011

O DEUS XANO DE MOS (I)

Este ano que remata (continuarei en 2012) estiven promocionando e divulgando a existencia da imaxe do deus Xano de Mos co ánimo de rescatar esta escultura do esquecemento. E digo esquecemento porque dende o seu descubrimento oficial (decembro de 1996 - xaneiro 1997) publicado por Faro de Vigo, ninguén ou case que ninguén voltou falar da escultura de pedra máis antiga do Concello de Mos.

Foto: A reprodución de Xano (cara 1: o novo) no colexio "Pena de Francia".

No ano 2005, en colaboración cos escultores Seve Lago Palmero e David Iglesias Debén, fixen unha reprodución desta imaxe. Antes de comezar fomos ao Museo de Pontevedra para tirarlle unhas fotos e coller algunhas medidas. E alí nos recibiu o arqueólogo-conservador Antonio De la Peña Santos, con quen intercambiamos impresións. O caso é que atopamos a Xano metido nun almacén...

A partir do ano seguinte (2006), esta reprodución estivo presente en varias exposicións de escultura en pedra e máis tarde (2008), deseñei un formato pequeno da peza, asequible para o público en xeral. Dende ese momento comercialicei estas pequenas reproducións, que xa están presentes en moitos fogares de Mos e diversos puntos da xeografía galega, traspasando incluso as fronteiras españolas.

En 2010 fun convidado a participar na exposición “Camiño de camiños” en Redondela, sobre a ruta Xacobea. Escollín a imaxe de Xano pola relación que tivo o ritual romano deste deus coa aparición do corpo do apóstolo Santiago e a Porta Santa.

Finalmente, en 2011 decidín doar a reprodución ao C.E.I.P. Pena de Francia e fixen unha proposta ao Concello de Mos que adoptou a imaxe de Xano (formato pequeno) como agasallo institucional, respaldando a celebración dunha conferencia para salientar os aspectos culturais asociados ao culto do Deus Xano que perviven na actualidade.



Foto: Ofrenda de ramos de loureiro dos nenos do C.E.I.P. Pena de Francia.

DENDE O DESCUBRIMENTO ATA HOXE.
A imaxe do deus Xano foi atopada na década dos anos 70 por José Romero Lago, veciño do lugar de Seixabre, cando realizaba traballos comunitarios (*1) de mellora dun tramo de camiño (A Brea, Camiño Real) no lugar de “O Cruceiro”, límite das Parroquias de Dornelas e Torroso (Mos). Xunto a esta imaxe apareceu outra representación pétrea da deusa Vesta e ámbalas dúas foron gardadas por José Romero na bodega da súa casa.

Foto: José Romero Lago (Pepe do Rolo) xunto ás dúas esculturas que atopou nos anos setenta e gardou durante 26 anos na casa sen sospeitar a verdadeira importancia do achado. (*Foto cedida por Herminia Romero).

En 1996, Francisco Javier Baquero, estudoso da historia de Mos, descubriu casualmente estas esculturas cando procuraba información para o seu libro Datos históricos del ayer y hoy de Mos. As pezas foron levadas á Casa do Concello, onde varios expertos as examinaron e finalmente ingresaron no Museo de Pontevedra.

Nestas datas apareceron varios artigos na prensa (Faro de Vigo) e F. J. Baquero recolleu algunha información xenérica que máis tarde publicou no seu libro.

(*1) - Daquela, as obras públicas facíanse así, por vontade veciñal non remunerada.

Foto: A imaxe orixinal (cara 2: o vello) no museo.

VIAXE DUNHA BODEGA A OUTRA?
Dende o seu ingreso no Museo Provincial as imaxes permanecen nos almacéns (case que outra bodega) á espera de seren expostas para coñecemento do público en xeral. O arqueólogo-conservador do museo, o noso benquerido Antonio de la Peña Santos, esperaba (en 2005) unha ampliación do espazo expositivo que fixera posible acoller a arqueoloxía romana pero… xa estamos en 2012 (*2).

En fin, as esculturas máis antigas do concello (+/- 2000 anos) levan 14 anos esquecidas, o seu estudo científico foi interrompido ou está sen publicar (*3) e a imaxe de Xano segue a ser descoñecida a pesar da súa verdadeira importancia. Non hai moito que oín a un dos mellores arqueólogos do país dicir que,...

“un traballo científico que non se publica, é coma se non existise – a información, se non chega ao público, non é información ”.

(*2) - Parece que si hai sitio para a arte contemporánea, pero o que non ten perdón e que queiran abrir un restaurante no lugar que ía ser destinada a sala de arqueoloxía .

(*3)
- O estudo, que quedou interrompido, comezou a facelo Calo Lourido. Neste enlace podedes ver, en inglés, o pouco que atopei publicado http://www4.uwm.edu/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/6_3/gonzalez_ruibal_6_3.html  (páx.25).

Agradecementos: Seve Lago Palmero, David Iglesias Debén, CEIP Pena de Francia, Concello de Mos, Francisco Javier Baquero, Antonio Dela Peña Santos, Ángel de Prado e a familia de José Romero Lago (na memoria).

E moi especialmente a Carlos Sánchez-Montana, de quen falarei no segundo capítulo de “O deus Xano de Mos”. Con el descubrimos como perviven os costumes dos antigos romanos na nosa sociedade e a relación do ritual de Xano coa tumba do Apóstolo Santiago, as festas de Ano Novo, a festividade do nove (festa dos arquitectos) ou o roscón de Reis do día seis de xaneiro.

29 de diciembre de 2011

CHEGA O MES DE XANO

DÉIXOVOS AQUÍ ESTAS FOLLAS DE LOUREIRO
PARA QUE COMENCEDES O NOVO ANO CON SAÚDE E FORTUNA
.


ESPERO QUE O DEUS XANO VOS ACOMPAÑE NESTA NOVA ANDAINA.


O DEUS XANO (JANO) NAS FESTAS DE ANO NOVO.

O primeiro mes do ano, Xano-xaneiro:

Os romanos celebraban a festa do deus Xano, o bifronte (dúas caras), nos primeiros días do ano, xa que era o protector das portas e os comezos.
O primeiro mes do ano foi dende entón o mes de jano-janus-januariis, que en galego derivou en xano-xaneiro.


AS ORIXES DOS AGASALLOS DE NADAL.

O verbo estrear e as follas de loureiro:

Neste primeiro día do ano os romanos adoitaban invitar ós amigos e agasallábanse ramos de loureiro ou de oliveira que procedían da fraga sagrada de Strenia (deusa da saúde), como augurio de fortuna e felicidade. Estes obsequios de Ano Novo recibiron o nome de strenae, que persiste na nosa lingua no verbo estrear.


Este xeito tan romano de felicitarvos no cambio de ano débese a unha pedra que botou cáseque 2000 anos sen falar. Unha pedra na que os mosenses de entón, castrexos algo romanizados, esculpiron a imaxe do deus Xano.

Reprodución da imaxe do Xano de Mos. Foto: Ángel de Prado.

Pero agora esta pedra volve a falar:
Na seguinte entrada contareivos máis... FELIZ ANO NOVO A TODOS!