24 de marzo de 2012

O PENEDO DA ALARMA

O ano pasado, durante unha das miñas visitas á serra do Galleiro, atopei a un veciño afeccionado á caza que aproveitara aquel día para “facer traballar un pouco aos cans”… e tamén ás pernas.
José Romero Villar, que así se chama este home, sabía da miña afección ás pedras, en concreto ás que teñen gravados prehistóricos, xa que por aqueles datas descubríramos unhas cazoletas e círculos na aldea de Alfacuca. Casualidades da vida fixeron que este outro José Romero, da familia dos “Rolos”(ver, O deus Xano, José Romero Lago*) me informara da existencia doutra pedra con historia,... outra pedra que fala.

- “Alá en Louredo, por riba das torretas de alta tensión, hai un home gravado nun penedo. Pero aquel é un debuxo chulo, ben feito e grande”, dixo, levantando a man ata a altura do peito, indicándome o tamaño do gravado.”É un home ben feito,…”.
Tamén dixo que “acórdoo de sempre, dende que era novo e comecei a cazar,… unha vez, hai moitos anos, alguén o marcou cunha tiza e víase mellor ”.

Este último dato facía máis estraño o gravado porque, se alguén o tiña estudado, por que non estaba nos catálogos de Patrimonio?.
Na semana seguinte busquei este penedo pola zona indicada por José Romero, pero foi imposible, non fun quen de atopalo e tiven que pedirlle que me acompañara ata o lugar, cousa que fixo de boa gana.

Foto: José Romero Villar e o seu fillo Roberto “Metro” enriba do Penedo da Alarma.

E así chegamos á “chan das perdices” según José Romero, aínda que logo oín tamén “chan das xestas” e, finalmente, determinei con outros veciños de Louredo que o verdadeiro topónimo é “O Brazal”.
Cando vin o gravado diante de min quedei de pedra,… efectivamente representaba un home, era grande (133 cm. de alto), ben feitiño, e claro,… non era prehistórico, nin medieval. Por iso non aparece nos catálogos,… ás veces os investigadores restan importancia a un gravado simplemente por non pertencer á Prehistoria.

A profundidade dos sucos e a roupa representada no debuxo indican claramente que corresponde a unha época relativamente recente.
Tirei unhas primeiras fotos e planifiquei unha nova visita a outra hora, na que a luz do sol realzara mellor o debuxo e con axuda, a dos compañeiros da Asociación Cultural Festa da Prehistoria, para facer un calco.
Nesta visita, cortamos unhas xestas que facían sombra enriba do debuxo, tiramos unhas cantas fotos e fixemos un par de calcos nos que podemos ver detalles que non se aprecian a simple vista.
Tamén intercambiamos impresións sobre o significado e autoría deste gravado.



Un cazador?, un pastor aburrido?, un fuxido ou un vixiante dos que antigamente gardaban os nosos montes?... Houbo varias opinións e calquera delas podería ser certa.
O problema é que o penedo non conserva ningunha tradición ou lenda asociada e a pesar do considerable tamaño do gravado os veciños de Louredo consultados descoñecían a súa existencia.

O PENEDO DA ALARMA.Despois de analizar os detalles deste gravado e a situación do penedo penso que estamos ante unha marca visual que indicaba unha posición determinada dende a que os seus autores realizaban algo moi concreto. Aquí expoño e miña hipótese, que non deixará de selo ata que aparezan novos datos que a confirmen ou a desboten para sempre.
Hai uns anos fixen unha recompilación dos acontecementos históricos derivados da loita contra o exército de Napoleón en Mós e un proxecto para recrealos coa celebración dunha festa. Aquel proxecto chamábase, e segue a chamarse “Mós, 1809-Arde o Pazo”. Nun relato da época (*Los guerrilleros gallegos de 1809, M. Pardo de Andrade) temos a chave para interpretar esta curiosa figura.

A roupa. Este home, representado no gravado, leva unhas botas altas de tacón visiblemente pronunciado e unha chaqueta longa pola parte traseira, semellante ás empregadas a principios do S.XIX. Na cabeza leva un sombreiro de ala que tamén pode corresponder á mesma época.

O movemento e acción. A posición das pernas, unha lixeiramente máis alta e avanzando sobre a outra, indícanos que está dando un paso para subir enriba do penedo. O brazo dereito sube ata a altura a cara, agarrando algo parecido a unha trompeta ou corno (no calco apréciase moito mellor). O peito, claramente pronunciado, parece estar inchado para soprar e facer soar o devandito corno.

“dando orden á los mayordomos que, al punto que se oiga el tiroteo, toquen todas las campanas á rebato, y la gente de las feligresías se subiese á las alturas tocando trompetas y bocinas.”

O brazo esquerdo está extendido hacia adiante e xusto onde tiña que estar a man o gravado desaparece. Neste punto hai unha rotura na superficie do penedo, aínda que eu penso que por algunha razón esta parte quedou sen rematar.

A situación.O Brazal, na vertente Oeste do Galleiro, é coma un pequeno val en plena ladeira do monte no que se acumula auga de xeito natural. Alí están os mananciais da traída de augas de Louredo. Este dato é moi importante pola presenza do líquido elemento.
Dende o alto do penedo pódese ver, en fronte, “a Portela” o centro neurálxico da antiga xurisdición de Sto. Antoíño e tamén dous pasos estratéxicos naqueles tempos, o alto dos Valos e o alto de Puxeiros. O son do corno tiña que resoar nas “Sete Paredes” do alto do Galleiro e chegar á Portela con gran claridade naqueles días.

“Es digno de todo elogio D. José Benito Bernárdez, verdaderamente grande en todas sus acciones. Por su esmero y celo se consiguió el feliz resultado de varios sucesos. Buscó á peso de,… .Por reveses y malas determinaciones, jamás se desanimó este valiente caudillo de la gente de Santo Antoiño. Con su gente guardó el sitio de Pujeiros, por donde cruza el camino que va a Bayona, Redondela, Vigo y Porriño: y con otra partida, el punto de Calleiro, para impedir la comunicación de Tuy á Pontevedra y otras partes.”
“Relación dada por sujeto fidedigno, de las acciones militares de la provincia de Tuy, el motivo de ALARMARSE aquella provincia, y varios sucesos en que intervinieron los habitantes del Valle de Santo Antoiño y de Fragoso”



Aqueles grupos organizados de veciños, baixo a direción dun caudillo, que loitaron contra o exércirto francés chamaronse “alarmas” ou “trozos”. Á antiga xurisdición de Sto. Antoíño (Louredo), pertencían case tódalas parroquias actuais de Mós – menos Torroso e Mós – e San Salvador de Torneiros, que hoxe pertence ao Porriño.
Dende o 20 de febreiro de 1809 – data na que xa estaba formada a alarma de Sto. Antoiño - ata a retirada definitiva do exército francés do val da Louriña (a Terra das Mós) – o 15 de abril – este penedo pudo ser o punto de vixiancia para aquela xente. Compría sinalizar o sitio exacto, facelo visible para os encargados de facer os relevos de garda. Tal vez algún destes vixías, por aburrimento, comezou a gravar o deuxo durante as longas estadías no monte. Quizais nunca o saibamos con certeza.

Foto: Manolo Barreiro, veciño de Louredo, enriba do penedo.


DEVOLVÉNDOLLE VIDA AO PENEDO DA ALARMA.
En 1809 a xente de Sto Antoiño e toda a Louriña foron protagonistas da Reconquista da vila de Vigo atacando a porta da Gamboa, a primeira que caeu. Tamén destacaron no cerco á cidade de Tui despois de sufrir, como non, os abusos cometidos por aquel exército invasor .
Este ano a A.X. Moskeo Colectivo adoptará o debuxo do rebautizado “Penedo da Alarma” para o deseño do pendón da Alarma de Santo Antoiño, que integrada por mosenses, voltará a encabezar o ataque á porta da Gamboa na Festa da Reconquista de Vigo.


Foto: (membros do C.C.D. Sta. Eulalia e A.Xuvenil Moskeo, organizadores de Arde o Pazo)Alarma de Sto. Antoiño despois de asaltar a porta da Gamboa en 2009,... 200 anos despois.

Este domingo, 25 de abril, subiremos aló.
Tedes máis información sobre a festa en http://moskeo-colectivo.blogspot.com/