16 de junio de 2013

SO-MÓS-PAISAXE



                Facendo o inventario das moas (penedos) máis senlleiras da “Terra das Mós” ás veces atópome con anécdotas realmente curiosas que contan os veciños, unhas veces cheas de retranca e outras veces abraiantes, polo inusual. Pero poucas veces dou cunha historia como a que vou contar desta volta, claro exemplo de que “somos paisaxe”.
                Somos paisaxe porque o noso entorno natural forma parte da nosa identidade como pobo. Cando voltamos a casa despois dun tempo fóra, aínda que soamente sexan uns poucos días, a nosa mente acouga nunha tranquilidade especial moi difícil de describir pero que, de seguro, todos sabedes ao que me refiro.


Subida ao Campodomonte pola costa das Maravillas, no Bº de Sta. Marta (foto: Eladio González).

 

UN EMIGRANTE

 

                Alá polos anos 30, no barrio da Sta. Marta (da parroquia das Mós) naceu un neno, nunha casiña desas que adoitaban chamarse “terreñas” (de planta baixa). A familia deste neno, deixando todo atrás, emigrou para Arxentina cando el tiña só catro anos e alí fíxose home, estudou, traballou, casou, tivo fillos,…
                En 2012, con máis de oitenta anos, ese home voltou á terra que o veu nacer.  Pero aquí xa non quedaba nada, nin familia, nin herdanza,… NADA.  Alá na Arxentina oíralle dicir aos seus pais que eran naturais de Mós, da Parroquia de Sta. Baia. Non sei se tamén sabería que eran do barrio de Sta. Marta, pero pouco máis, xa que perderan toda clase de vínculo.
                Con estes datos sería difícil atopar a casa onde nacera máis de oitenta anos atrás. Chegado á Parroquia das Mós, achegouse ao seu barrio e presentouse aos máis vellos do lugar dando como referencia o nome e apelidos dos seus proxenitores, mais ninguén lembraba xa á súa familia.
                Por sorte, na fondura da súa mente tiña gravado algo que lle ía axudar: A PAISAXE.

Lembraba dende a porta da pequena casa a imaxe dun enorme penedo.

Foto: Ruínas da casiña coa porta dende a que o noso protagonista divisaba o penedo.

 E foi así, grazas aos penedos, como atopou a casiña que hoxe en día está cáseque en ruínas.


Foto: A casa natal do emigrante co penedo ao fondo.

UNHA PEQUENA DESCRICIÓN DA "MOA DAS MARAVILLAS".


A moa das Maravillas. O penedo desta historia visto dende o Oeste (foto: Eladio González)

                Isto contoumo Carlos Campos, que é o propietario deste enorme penedo e do furancho* que el chama “Os Penedos”, ao que podedes ir tomar un viño nestes meses de verán. Para chegar tedes que vir pola N-550 (Porriño-Redondela ) e a 3 km aproximadamente atoparedes os indicadores.


Foto: Estes son os indicadores que atoparedes para chegar á "Moa das Maravillas".

Sentín a necesidade de rebautizar a este penedo porque é demasiado peculiar para ser chamado simplemente "os Penedos" e por desgraza non conserva o nome que seguramente tivo na antiguedade.  

Vou a chamarlle "Moa das Maravillas" porque está situado na marxe dereita do "Camiño das Maravillas" que sube dende a N-550 ao "Campodomonte".


Foto: Vista do penedo dende o Leste. Podemos apreciar  que a rocha fendeuse de maneira natural en tres partes.



             O penedo, que antes era moito máis grande, foi vítima dos canteiros e actualmente sérvelle a Carlos para gardar herba, toxo, etc,… As súas paredes foron aproveitadas para adosarlle pequenas construcións coma alpendres, cortellos, etc,…


Foto: Con Carlos e a súa cuñada Ana (do Penedo da Raposa).

Foto: Cara a poñente o penedo forma unha cavidade que os propietarios aproveitan para gardar toxo, herba seca, e outros. No seu interior vese a erosión provocada polo lume que nalgún tempo prendían os que utilizaron esta cova natural como refuxio.

Foto: Vista do penedo e a vivenda-furancho dende o camiño das Maravillas. Á outra beira do camiño está o "Penedo da Raposa".
                
Como anécdota retranqueira deixo tamén unha foto do que a familia de Carlos adoita chamar o “Penedo do Cu”, este microtopónimo corréspondese a este singular penedo situado na parte traseira da vivenda.

Foto: Penedo do Cu.

 

O PENEDO DA RAPOSA.

 

                Xusto enfrente, á outra beira do camiño, está o Penedo da Raposa, que noutros tempos foi acubillo deste animal. Hoxe en día, o seu propietario, irmán de Carlos, utiliza o penedo como almacén para leña e outras cousas. 


Foto: O Penedo da Raposa con varias construcións adosadas.


Foto: Interior do "Penedo da Raposa".
Foto: Entrada ao interior do penedo.
Foto: Vista dende o interior.
               
               Toda esta zona e a subida ao “Campodomonte” está chea de moas impresionantes das cales irei dando conta. Recoméndovos unha visita nestes meses de verán, xa que precisamente agora moitas delas son visitables pola apertura dos tradicionais “furanchos”, nos que poderedes degustar os viños da Louriña e tapas variadas. Toda unha oferta etnográfica e gastronómica.



Foto: Indicador doutro dos furanchos da zona, que tamén adoptou o nome dunha pedra.
(*) Furancho: Nome que reciben as adegas particulares abertas ao público para vender os excedentes da colleita de viño. Antigamente, os clientes adoitaban levar a comida da casa (unha empanada, chourizos,...) e o dono da adega servíalles o viño.
 Probablemente esta palabra ven de furo ancho en referencia á apertura dos bocois de viño.