15 de octubre de 2015

AS PEDRAS FALAN DO SILENCIO CÓMPLICE e a Memoria do 36


Inscrición no monumento da Memoria do 36 en Mos.

Esta homenaxe en pedra foi impulsada pola Comisión pola Memoria e Dignidade do 36 en Mos

“En lembranza ós
Homes e Mulleres
asasinados pola senrazón
do fascismo franquista
 no Concello de Mos”.

Os Familiares das vítimas homenaxeadas -integrantes da comisión- decidiron este texto que quedou gravado na pedrafita central e serve para definir o conxunto escultórico. Este tería que ser o texto que acompañase a calquera reportaxe ou documento, tanto escrito coma gráfico, que se faga.

O monumento inaugurouse en setembro de 2008 co goberno bipartito (PSOE-BNG) e uns meses máis tarde o PP asaltou o concello. E digo asaltar por acurtar o relato,... As crónicas falan de transfuguismo, da presenza de porteiros de discoteca no pleno municipal e outras desventuras desta... democracia???.

Pasado un tempo, os novos dirixentes municipais do PP amosaron o que teñen na “súa” memoria e o que eles entenden por reparar a dignidade das vítimas e familiares, dándonlles un “agasallo” dentro deste libriño que publicou a Deputación de Pontevedra (a de Louzán) en 2013.

Foto: Portada do libro “Mos, o mellor agasallo”.
No interior hai unhas fotos do monumento, acompañadas dun texto que non só non repara, senón que, fire a dignidade de vítimas e familiares. Un texto que parece que tenta que os mosenses gardemos a nosa memoria do 36 doutro xeito, ao seu xeito:

 “Monumento ós Caídos do Franquismo”


Foto: en verdade teñen tan mala memoria? ou pretenden que teñamos outra?


¿¿¿Caídos??? Os libros de pedra deste monumento non poden estar calados porque representan a memoria daqueles homes e mulleres que non foron “caídos”!!!, foron asasinados!!!, arrincados das súas familias e despois de seren torturados, foron sentenciados sen seren xulgados.

Eu non sei se houbo unha man negra impoñendo este texto e como non podo asegurar con que intención fixeron isto terei que pensar que foi un erro. Pero aínda así,... non quedo tranquilo! Se foi un erro a cousa é máis grave do que parecía!!!
Deberían tomarse en serio a reposición da Memoria Histórica e facer un "reseteo" máis unha "actualización de datos" para diferenciar democracia de dictadura e paseados de caídos

Nesta semana celebrouse o día do Pilar, a chamada festa nacional. As redes sociais enchéronse de mensaxes coma esta: "NON TEMOS NADA QUE CELEBRAR".

Estou convencido de que todos celebraríamos mellor ese día se tivesemos unha democracia realmente libre para elexir entre Monarquía ou República e os crimes do franquismo fosen condenados sen paliativos. Por todos, todos, todos, todos, todos e todos,... sin que falten os de sempre!!!


TEMOS QUE ROMPER CO SILENCIO.

Co corazón endurecido como unha pedra, Antonio Monroy adicoulle unhas emotivas palabras ao compañeiro da Comisión falecido o ano pasado, Ramón Pérez Dominguez.

Monroy condenou o silencio cómplice e repetiu varias veces a seguinte frase:

“ Non tivemos sorte cos políticos, Ramón“, "non tivemos sorte..."

Aquí podedes ver parte da intervención de Antonio Monroy, o pasado 3 de outubro:




TEMOS QUE QUE RECUPERAR A MEMORIA.

A Comisión pola Memoria e Dignidade do 36 en Mos, encabezada por Ana María Aller Gómez xunto a membros tan destacados coma Telmo Comesaña e Antonio Monroy (da Comisión pola Memoria de Vigo) teñen moita documentación daqueles que apareceron tirados nas cunetas da N-550 e outros lugares de Mos.





Os libros de pedra deste monumento representan a vida de cada un dos 30 homes e mulleres asasinados. No centro, unha figuración humana da sociedade retira eses libros tirados nun buraco (as cunetas) para poder recuperar a Memoria do 36.



Esa sociedade somos todos e coñecer a nosa historia, recuperala,...tamén é  traballo de todos.





Fotos e momentos da homenaxe deste ano, 8 de outubro.






Foto: Ana Aller Gómez adicando unhas palabras a Tomás (no centro da fotografía, sentado e con bastón) fillo de Ángel Matilde Miguélez, "O Cataplín" e Florentina Fernandez Alonso, veciños de Louredo cruelmente asasinados.


Foto: En primeiro plano os membros da "Comisión pola Memoria e Dignidade do 36", Telmo Comesaña, Antonio Monroy e Ana Aller Gómez aplaudindo ao gaiteiro, Bieito Lobariñas, tras interpretar o himno da República no acto.

Foto: Momento da intervención de Emilio Muíños, actualmente concelleiro PSOE de Mos.
A súa nai, Florentina Pumar (recentemente falecida), encargouse durante anos de repoñer as flores que os familiares deixaban no muro do cemiterio municipal. Esta e outras vivencias dos mosenses teñen que ser recuperadas para a memoria colectiva.


Foto: Membros de GañaMos Asemblea Veciñal presentes no acto.
Algúns muros de pedra de Mos conteñen outras partes desta historia e os penedos do Galleiro, que acubillaron aos fuxidos, tamén son testemuñas daqueles tempos.


Seguiremos falando.  

8 de octubre de 2015

SEGUIREMOS FALANDO COAS PEDRAS (PERO MÁIS ALTO)


QUE PASOU NESTE ÚLTIMO ANO?

POR QUE CALARON AS PEDRAS?




Hai anos, cando estivemos a recoller a toponimia do monte da parroquia de Mós para poñer en marcha o que hoxe é o PR-G 67 (Sendeiro Histórico da Parroquia de Mos), descubrín por vez primeira "A Pedra que Fala". Os nosos informantes, con esa retranca galega que nos caracteriza, dixéronme:

Alí esta a Pedra que Fala... pero aghora xa non fala,... dende os tempos de Franco está calada... je, je, je,...

Pois algo parecido pasou desta volta con este blog que conversa coas pedras dende o ano 2011. Nos últimos tempos houbo quen quixo silenciar este traballo, atrancar ou entorpecer a súa chegada ao público, desprestixiar as opinións aquí verquidas,... Houbo quen por diferentes medios quixo e segue querendo silenciar a voz das pedras.

As verdades doen e os intereses económicos ou políticos aborrecen as voces verdadeiras. Esta lección foi aprendida dun dos mellores interlocutores que teñen as pedras neste país durante aquelas xornadas "Contra a Destrucción do Patrimonio Arqueolóxico" organizadas pola Asociación Cultural Festa da Prehistoria en 2011. Estou a falar de Antonio De la Peña Santos, arqueólogo conservador do Museo de Pontevedra. 

Daquela, para explicar o abandono que sufre o noso patrimonio arqueolóxico e os atrancos que temos os que tentamos conservalo e poñelo en valor o mestre falou:

"A información é poder. Quen ten a información ten o poder". Por iso os que teñen o poder sempre tratarán de ocultar a información ou utilizala no seu beneficio.

O máis triste é que teño comprobado que isto tamén lle pasa a outros que presumindo de demócratas tamén aspiran a ostentar o poder.

O caso é que as opinións sobre a homenaxe merecida a Óscar Pereiro ou ás alegacións presentadas ao PXOM de Mós molestaron moito aos CACIQUES de sempre pero tamén a outros CACIQUIÑOS (aspirantes a cacique) que todos xuntos se cren con máis dereito ca ninguén a decidir sobre o patrimonio cultural (arqueolóxico, etnográfico, etc,...) deste país.

NON SEÑORES, NON!. O PATRIMONIO É DE TODOS.


AS PEDRAS SEGUIRÁN FALANDO PARA DICIR A VERDADE


Proximamente falaremos desta agresión que sufriu a laxe das cruces.

Prestade atención ás próximas entradas,... comprenderedes o silencio deste último ano e por que, sen abandonar as conversas agradables, as mensaxes van ser máis duras,... como a pedra mesma.

Falaremos de abandono e agresións ao noso patrimonio, de pedras que falan dos tempos de Franco, de ataques ao oficio dos canteiros e da súa defensa,...


"amigo Sancho,... con la política hemos topado"