8 de octubre de 2015

SEGUIREMOS FALANDO COAS PEDRAS (PERO MÁIS ALTO)


QUE PASOU NESTE ÚLTIMO ANO?

POR QUE CALARON AS PEDRAS?




Hai anos, cando estivemos a recoller a toponimia do monte da parroquia de Mós para poñer en marcha o que hoxe é o PR-G 67 (Sendeiro Histórico da Parroquia de Mos), descubrín por vez primeira "A Pedra que Fala". Os nosos informantes, con esa retranca galega que nos caracteriza, dixéronme:

Alí esta a Pedra que Fala... pero aghora xa non fala,... dende os tempos de Franco está calada... je, je, je,...

Pois algo parecido pasou desta volta con este blog que conversa coas pedras dende o ano 2011. Nos últimos tempos houbo quen quixo silenciar este traballo, atrancar ou entorpecer a súa chegada ao público, desprestixiar as opinións aquí verquidas,... Houbo quen por diferentes medios quixo e segue querendo silenciar a voz das pedras.

As verdades doen e os intereses económicos ou políticos aborrecen as voces verdadeiras. Esta lección foi aprendida dun dos mellores interlocutores que teñen as pedras neste país durante aquelas xornadas "Contra a Destrucción do Patrimonio Arqueolóxico" organizadas pola Asociación Cultural Festa da Prehistoria en 2011. Estou a falar de Antonio De la Peña Santos, arqueólogo conservador do Museo de Pontevedra. 

Daquela, para explicar o abandono que sufre o noso patrimonio arqueolóxico e os atrancos que temos os que tentamos conservalo e poñelo en valor o mestre falou:

"A información é poder. Quen ten a información ten o poder". Por iso os que teñen o poder sempre tratarán de ocultar a información ou utilizala no seu beneficio.

O máis triste é que teño comprobado que isto tamén lle pasa a outros que presumindo de demócratas tamén aspiran a ostentar o poder.

O caso é que as opinións sobre a homenaxe merecida a Óscar Pereiro ou ás alegacións presentadas ao PXOM de Mós molestaron moito aos CACIQUES de sempre pero tamén a outros CACIQUIÑOS (aspirantes a cacique) que todos xuntos se cren con máis dereito ca ninguén a decidir sobre o patrimonio cultural (arqueolóxico, etnográfico, etc,...) deste país.

NON SEÑORES, NON!. O PATRIMONIO É DE TODOS.


AS PEDRAS SEGUIRÁN FALANDO PARA DICIR A VERDADE


Proximamente falaremos desta agresión que sufriu a laxe das cruces.

Prestade atención ás próximas entradas,... comprenderedes o silencio deste último ano e por que, sen abandonar as conversas agradables, as mensaxes van ser máis duras,... como a pedra mesma.

Falaremos de abandono e agresións ao noso patrimonio, de pedras que falan dos tempos de Franco, de ataques ao oficio dos canteiros e da súa defensa,...


"amigo Sancho,... con la política hemos topado" 




No hay comentarios:

Publicar un comentario