12 de noviembre de 2015

SAN MARTIÑO, O DESTRUCTOR DAS MÁMOAS (I)


Onte foi San Martiño e non comin castañas, cousa cáseque obrigada.
Onte fun a Pontevedra e pasei polo museo provincial, para min, visita cáseque obrigada.

Como adorador das pedras teño esa debilidade pero cando cheguei xa faltaba pouco para o peche, quedaban 20 minutos, e dubidei,…entro ou non entro?

Dende a rúa ollei para o edificio Sarmiento e na segunda pranta mirei un tímpano románico que estaba a chamar por min. Parecía estar a cumprir a función para a que fóra feito, presidir a entrada dun edificio.




Xa dentro, e dende os pasillos interiores, vin algunhas das pezas que están en proceso de restauración. Que o público poida ver dende arriba o interior destes talleres é un atractivo máis que ofrece o novo edificio.

Subín correndo ao segundo andar para ver a nova disposición da sala de arqueoloxía e sorprendeume porque mellorou moitísimo dende a última vez que estivera alí.
Quixen facer un repaso rápido ás pezas mosenses (1) pero antes de localizalas todas un garda de seguridade convidoume a marchar. Que mágoa non vir con máis tempo! Terei que voltar outro día!

Saín da sala por outra porta e topeime de frente co timpano románico que chamara por min dende a rúa. Dende dentro vese a cara interior da pedra que ten tallado un relevo ca imaxe dun bispo acompañado por uns anxos e outros personaxes menores máis difíciles de interpretar.

A miña sorpresa foi ver o que indicaba a cartela:

Apoteóse de San Martiño. Inicios do s.XIII, San Martiño de Moaña, Pontevedra.



Que casualidade, onte era o día de San Martiño! Lembrei entón que días atrás atopara unha referencia a este personaxe como "o santo destructor de dólmenes". Seguindo o exemplo do San Martín francés, o noso san Martiño, o Dumiense, tamén adicara grandes esforzos a loitar contra o culto ás pedras .

Non deixa de ser curioso que a imaxe do santo destructor de mámoas teña que estar hoxe nun edificio onde se restauran, conservan e valoran as mámoas, os petróglifos e outras pedras dos mouros(2).


Xa hai tempo, un mestre mouro díxome que as casualidades non existen e coma se fose un castigo, o San Martiño deste tímpano debe de sentirse coma no inferno, vendo que non acabou co culto ás pedras.


1- Pezas atopadas no actual concello de Mós (bustos de Xano e Vesta, materiais do castro de Torroso, epígrafes romanos de Louredo e Pereiras).
2- mouro/aadorador das pedras, ser mítico da nosa mitoloxía que ten a orixe nos pobos que viviron en Galiza na prehistoria. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario