16 de octubre de 2011

O VERVO XIDO



Como iremos vendo, as pedras teñen varias maneiras de falar, pero… os homes que traballaron a pedra, os canteiros, tamén tiveron unha lingua propia que empregaban para falar entre eles. Esta lingua é o vervo xido.

Hoxe en día o vervo esmorece e só quedan uns poucos arghinas cañeiros (vellos canteiros) que lembran os tempos nos que ghalruaban (falaban) entre eles esta fala secreta.

Hai varios libros e dicionarios que recopilan estas verbas recollidas sobre todo na Terra de Montes. O último destes papilosos xidos (libros), “O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo”, de Calros Solla, non se limita a recopilar palabras e verbos senón que afonda moito máis nos segredos desta xerga gremial.

Penso que é o mastio xido papiloso (mellor libro) dos que se teñen publicado ata o de agora. Aquí deixo varios enlaces referentes ao libro e ao seu autor para os que queirades saber máis:
oembigodobecho.blogspot.com
www.culturagalega.org
"estrofas de poemas en verbo"
"entrevista a Calros Solla" na radio galega (contra o minuto 45 do programa).

Dende que descubrín o vervo xido, coñecín a varios ghalruantes (falantes) que me axudaron a comprender o básico para desenvolverme con algo de soltura. O meu consello é que vaiades á Terra de Montes, alí atoparedes leguaxe (xente) que aínda interva (comprende) o vervo de arghinas cañeiros.

Pero non só na Terra de Montes sobrevive o latín dos canteiros. Eu tiven o gusto de coñecer a Laureano, veciño de Gondomar, que foi patelas (aprendiz) nun dos últimos talleres de cantería que houbo en Vigo, cando aínda non había máquinas eléctricas para mariñar murio (facer o traballo).

Os arghinas de hoxe en día debemos conservar e usar a nosa fala propia e os alleos ao oficio tamén o podedes aprender, xa que os dicionarios están nas librerías. Os que sodes de aquí, da Terra das Moas, tedes máis de algún coñecido que traballa na canteira ou é canteiro e un papiloso do verbo xido será un bó agasallo.

Aquí deixo referencias de outros traballos relacionados:

- Dicionario do verbo dos canteiros (2009). Xesús Antonio Gulías Lamas. Edicións Ir Indo.
- Chorovia na Moucarria (Alén da néboa). Este disco que acompaña á revista cultural “Cotaredo” (edición 2008, Concello de Forcarei), contén unha cantiga coa letra en verbo.
- O verbo dos arginas de Avedra. Xerga gremial dos canteiros de Pontevedra. Autor, Feliciano Trigo Díaz.

Vaidó, xirias granxanas para chilos que balsan luzaina ao vervo xido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada