18 de enero de 2012

O DEUS XANO DE MOS (II)

CATRO COUSIÑAS REFERENTES A XANO, O DEUS PROTECTOR DOS ROMANOS .

Cando comecei a buscar información sobre o deus Ianus-Jano-Xano, atopei estas catro cousiñas en libros de mitoloxía romana e outros sitios na rede:

* Xano foi unha deidade romana que fundou a cidade de Xanícula, onde logo se levantaron os primeiros muros de Roma. Alí acolleu a Saturno, cando este foi expulsado do Olimpo. Este, agradecido,conferiulle a facultade de ver con claridade (e ao mesmo tempo) o pasado e o futuro, para rexirse con sabedoría nas circunstancias de cada momento. Este é o motivo polo cal as súas imaxes teñen dúas caras.
* Era o deus da Paz, en contraposición a Marte (deus da guerra). Isto débese a que foi un rei pacífico. Numa erixiu un templo na súa honra que permanecía aberto en tempos de guerra e pechado en tempos de paz.
*As imaxes de Xano teñen dous rostros, un vello con barba que representa o pasado (o término, a fin, a morte, atrás,...) e un home novo que representa o futuro (o comezo, o principio, a vida, adiante,...). Ás veces represéntase cunha chave na man, indicando que é o garda das portas e cunha vara na outra man, coa que preside os camiños.
* Os romanos colocaban a súa imaxe na entrada das casas, xa que era o protector das portas e dos comezos, que observa ao mesmo tempo a Oriente e a Occidente. Invocábano pola mañá, antes dos traballos cotiáns, e tamén cando se empezaba unha viaxe, un negocio, o matrimonio, etc,…
* No primeiro capítulo de “O deus Xano de Mos” faleivos das verbas estrear e xaneiro, derivadas de costumes romanas relacionadas con Ianus. En galego temos ademais a fermosísima xanela (ventá, fiestra) que ven do latín vulgar ianuêla (diminutivo de ianûa= porta, entrada).

A PRESENZA DO CULTO DE IANUS EN GALLAECIA.

Máis tarde fíxenme varias preguntas: Sería esta a única imaxe aparecida en Galicia?, e no resto do estado? E claro, apareceron outras imaxes de bifrontes en Galiza, España e noutros lugares de Europa. Algunhas destas imaxes son de dubidosa referencia ao deus romano, xa que poden ser interpretadas de diferentes xeitos. E, por outra banda, algunhas representacións antropomorfas de dúas caras téñense asociado á "cultura celta".

Foi entón cando atopei os artigos publicados por Carlos Sánchez Montana e aproveito estas liñas para agradecer a súa participación na conferencia celebrada o ano pasado no Pazo de Mos.
Con el descubrimos como perviven os costumes dos antigos romanos na nosa sociedade e na simboloxía de numerosos edificios históricos. Pero o máis impresionante é a relación do ritual de Ianus coa tumba do apóstolo Santiago (sant-ianus) e a ruta xacobea.

O MELLOR É QUE VOS SENTEDES EN:

eltablerodepiedra.blogspot.com


Por que Santiago ven á antiga Gallaecia?


Por que os peregrinos entran pola Porta Santa?

De onde ven o tradicional roscón de Reis?

ou o Codice Calixtino

(Callis-ianus = camiño de Xano)


XANO E O SEU ENTORNO HISTÓRICO.

Deixo aquí un mapa do concello de Mos para situar as dúas esculturas no seu entorno histórico castrexo-romano e a súa relación con algúns camiños, existentes xa dende tempos prehistóricos , que seguiron a ser transitados noutras épocas ata os nosos días.




Os Castros asociados:

1- Castro de Torroso. Non é da época da imaxe de Xano, xa que foi abandonado antes da chegada dos romanos, pero supostamente a poboación castrexa asentaríase nalgún outro punto cercano. Parcialmente escavado por Antonio de la Peña Santos, é un dos castros máis antigos de Galiza.
2- Os castros (Dornelas). Poboado castrexo sen escavar polo que pasa a “brea”, antes de chegar ao punto no que apareceu a imaxe.
3- O “Castro das Tapias”(Mos). Lamentablemente arrasado para facer o torreiro de festas, ten o topónimo de “As Tapias” en clara referencia ás súas murallas. Aos seus pés pasaba a XIX Vía militar romana.
4- O castro da Cividade (Louredo). Algúns arqueólogos dan por seguro que os asentamentos co topónimo A cibdá, a cidade e similares tiveron unha forte ocupación romana. A cerámica que aparece neste gran poboado confirma este dato.
5- O Castro (Petelos). Todo fai pensar que os habitantes do castro de Torroso se trasladaron a este poboado de gran extensión situado a medio km.
6- Coto dos Castros (Mos). Sen catalogar como tal, está ubicado nun espolón dende o que se controla todo o val do Louro ao seu paso pola parroquia de Mos e o camiño (A Verea) que sube ao “Alto do Marco” (pedrafita) con dirección a Ponteareas.


Torres medievais e puntos de control dos camiños:

1-Torre (os Castros – Dornelas). Este topónimo aparece no mesmo lugar de “os castros”, polo que seguiu tendo a función de control do camiño (a Brea). Aquí sitúase a capela de San Juan, que seguro que garda relación con Ianus segundo o exposto por Sánchez Montana.
2-Costoias (Dornelas). Neste lugar hai evidentes sinais dunha construción antiga e o seu topónimo (costoias - custodia) indícanos claramente a súa función. Está moi preto do CEIP Pena de Francia, onde se instalou a reprodución da escultura de Xano.
3-O Castelo (Mos). Torre de vixiancia asentada sobre unha moa. Está catalogada e documentada e responde ao típico “castelo rochoso”. Ocupareime máis polo miúdo deste Castelo nunha futura entrada da “Terra das Moas”.
4-Pazo dos Marqueses de Mos. Antes de ser conseguir o título de Marqués (1686), os señores de Mos posuían unha torre (ou pazo vello) que controlaba o paso da XIX vía romana. Esta torre estaba nalgún punto entre o Castro das Tapias e o emprazamento actual do pazo. A mediados do s.XVI, a construción desta segunda casa señorial fai cambiar o percorrido da vía romana para pasar por “a Rúa”, topónimo asociado aos camiños. Hoxe en día pasa por aquí o camiño portugués a Santiago.

OS CAMIÑOS

Os camiños que aparecen no mapa como “posibles” existiron realmente e aínda hai memoria do seu uso, pero non podo precisar con exactitude o seu trazado xa que aparecen e desaparecen mesturados con novas estradas e pistas forestais. Entre eles está o chamado “vella estrada de Madrid” que subía polo barrio de Sta. Marta e pasando polo “Chan da Ermida” chegaba a Xinzo, parroquia de Ponteareas.
Outro exemplo é o que pasando pola Rúa, a carón do Pazo dos Marqueses de Mos, ía cara ao norte para atravesar o río Louro na ponte da Noveleda e continuaba cara a Redondela. Nesta ponte os carros pagaban portazgo ao marqués de Mos por cruzar o río e supostamente o topónimo “a Noveleda” ten a súa orixe neste pagamento, que sería de nove reais. Despois da ponte o camiño enlazaba coa vereda que vai á pedrafita de Mos, referida noutra entrada deste blog (ver aquí).

*Tódolos datos aquí aportados non son definitivos e loxicamente están baixo a dúbida de seren recollidos por un canteiro (eu non son historiador). A miña humilde pretensión é compartilos e que nalgún momento poidan ser de utilidade a alguén máis capacitado profesionalmente.

E xa para rematar inclúo esta noticia publicada no seu día polo Faro de Vigo. Que sirva de homenaxe e lembranza a José Romero Lago “O Rolo” (xa falecido), descubridor das esculturas máis antigas do concello de Mos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario