28 de septiembre de 2013

ÓSCAR PEREIRO, UNHA HOMENAXE MERECIDA.




                Mañán, 29 de setembro, ás 10:00h da mañán, inaugúrase unha escultura dedicada ao ciclista mosense Óscar Pereiro. Será no Concello do Porriño, a carón da fonte de San Sebastián -coñecida coma “Fonte dos Ciclistas”-, lugar de reunión dos que practican este deporte para saír a entrenar despois de encher os seus “bidóns” de auga.





  

UN ORGULLO PARA MIN.

 

              Para min foi unha ledicia recibir o encargo desta obra por parte da Peña Ciclista “Óscar Pereiro”, que pecha a súa andaina con este acto, despois da retirada de Óscar do ciclismo profesional.
            
             E foi un orgullo para min realizar esta escultura, que xa diseñara no meu maxín en 2006, despois do feito heróico protagonizado por Óscar ao gañar o Tour de Francia. Toda Galiza celebrou aquel éxito e os mosenses alegrámonos dobremente porque o galego que acadara o meirande triunfo para un ciclista era veciño noso.

 

A UBICACIÓN (e a polémica).


            Despois de presentarlles o deseño da escultura aos membros da peña ciclista só quedaba  escoller a ubicación. Querían que fose un sitio de paso habitual da Volta ciclista a España para que as imaxes aéreas captasen o monumento erixido ao noso campeón, recordándolle aos teleespectadores que un galego (de Mós) gañara o Tour. Decidimos entre todos que o mellor sitio sería a rotonda das Angustias, un cruce no que conflúe a N-550 (A Coruña - Tui) e a estrada que vai de Vigo a Ponteareas, sitio de paso cáseque obrigatorio no Sur da provincia de Pontevedra.

            Solicitaron unha reunión coa alcaldesa de Mós para ver se isto era posible. Nesta reunión (na que estiven presente) Nidia Arévalo e o concelleiro de deportes dixeron que era viable e non puxeron obxeccións, tan só manifestaron que terían que consultalo co resto da corporación municipal.

DE COMO MÓS PERDEU ESTA HOMENAXE.


            Sabendo isto escomencei o traballo e cando só quedaba un mes para o día escollido para a inauguración (nun principio era o 23 de agosto, un día antes do arranque da Volta 2013) a peña ciclista recibiu a resposta negativa acordada por toda a corporación municipal de Mós (PP, PSOE e BNG).

         As razóns expostas no comunicado alegaban que Óscar Pereiro xa recibira a medalla de ouro do Concello e que o pavillón deportivo municipal xa levaba o seu nome. Foi así como as “lúcidas” cabezas pensantes da política mosense nos privaron desta homenaxe ao noso ciclista.



COMO FINALMENTE A ESCULTURA VAI SER BEN ACOLLIDA NO PORRIÑO.



            Xa o dicían os vigueses Siniestro Total nunha das súas cancións… “Menos mal que nos queda Portugal”. Pois en Mós teremos que dicir o mesmiño: “Menos mal que nos queda O Porriño”.

            A homenaxe terá lugar este domingo ás 10 da mañán coincidindo coa “Festa da Bicicleta” organizada polo Concello porriñés como parte da programación das Festas do Cristo. E será na “Fonte dos Ciclistas”, na que tantas veces quedaría Óscar cos seus compañeiros nos comezos da súa carreira deportiva.


 UN CHAMAMENTO A TÓDOLOS MOSENSES.


       Dende aquí quero facer un chamamento a tódolos mosenses para que acudades ao acto de inauguración para mostrar o cariño, aprecio e orgullo que temos polo noso campión. Deste xeito tamén mostraremos o desacordo coa decisión dos ¿nosos? políticos.

MOITÍSIMAS GRAZAS A…


- Aos membros da Peña ciclista, promotora e patrocinadora da homenaxe, pola vosa ilusión e os ánimos que, dende aquí e trasladándovos a Francia, lle destes a Óscar.
- Ao concello do Porriño por acoller a escultura  e facer posible a súa instalación.
- A todos aqueles seguidores do ciclismo que se alegraron do triunfo dun galego no Tour, e sobre todo a “Óscar Primeiro” (como adoitaba chamalo Xurxo Souto) por aqueles momentos inolvidables.




A OBRA (UNHA BREVE DESCRICIÓN).

 

                Non quero adiantar ningunha foto da escultura antes da súa inauguración pero vou contarvos en poucas palabras o que quixen expresar:
               
              Como dixen antes, o deseño naceu na miña cabeza en 2006-2007. Daquela visualicei ao noso Óscar Primeiro levando a Nosa Terra polo mundo adiante, representándonos a todos os galegos a golpe de pedal. A nosa bandeira está chantada dende entón no máis alto do deporte e nun acontecemento identitario da República Francesa.


O TIPO DE GRANITO E O QUE A PEDRA ESCOLLIDA QUIXO SER.

Foto: Panorámica da canteira de "Silverchán", que comercializa o granito silvestre baixo o pseudónimo de "Amarillo Atlántico".
Foto: A pedra que quixo ser cliclista pesaba 4.5 toneladas antes de quitarlle tódolos cachos que vedes ciscados arredor.

                O granito de Vilachán, comercializado co nome de “Amarillo Atlántico”, é un dos mellores granitos que temos en Galiza para realizar esculturas, polo seu gran fino, a súa dureza  e tamén pola súa cor, que neste caso ven que nin pintada para representar ao galego que conseguiu vestirse de amarelo na ronda gala. ¿Será casualidade?.
                
               Penso que as casualidades non existen, senón que as cousas pasan porque teñen que pasar, e mirade por onde que, “casualmente” a pedra escollida quixo ter un lixo, unha desas manchas “feas” que aparecen na pedra. Pero, non vos imaxinades onde quedou esa marca que ata quedou ben, pois apareceu no brazo esquerdo, xustamente onde lle quedou a Óscar a marca da grave caída que tivo no Col de Agnelo en 2008.

PARA REMATAR.

                  Non espero causar polémicas co que acabo de contar pero as cousas hai que decilas tal e como son. Repito, as casualidades non existen, a pedra está no Porriño porque alí quixo estar pero ao mesmo tempo... as pedras non poden estar caladas.

              
Despois da inauguración espero publicar algunhas fotos da obra que fixo no taller Miguel Riopa, outro "campeón" (neste caso, da fotografía).

No hay comentarios:

Publicar un comentario