2 de febrero de 2012

A PEDRA DAS CRUCES


Este petróglifo está na parroquia de Louredo (as Mós) e coñécese como “a Pedra das Cruces”.
A rocha está situada nun grande desnivel da ladeira Oeste do Galleiro e apenas destaca no entorno de non ser por que aos seus pés pasa un antigo carreiro que hoxe case non se utiliza. A forte pendente fai que a terra arrastrada polas chuvias se acumule sobre o gravado, ocultando parte dos motivos representados.



A capela de San Gregorio está uns 200 m máis abaixo e cara ao norte hai un espolón pedroso dende o cal se controla o “Alto dos Valos”, paso natural que comunica o Val da Louriña e a ría de Redondela. Neste curuto apareceu, xa fai algúns anos, un muíño navicular e despois de atravesar a fronteira municipal o carreiro diríxese a un castro situado enriba da Igrexa de Nespereira (Pazos de Borbén).


No ano 2006, o concello de Mós encargou unha catalogación do patrimonio arqueolóxico e os profesionais que realizaron esta tarefa dixeron que os gravados eran dun periodo histórico, posiblemente da Idade Media. Nalgunhas fotos podedes ver os debuxos remarcados con xiz polos arqueólogos que fixeron o estudo e catalogación municipal.

Sempre dubidei desta hipotese e penso que, orixinalmente, o petróglifo foi prehistórico. Outra cousa é que máis tarde a pedra fose cristianizada para encubrir un ritual pagán e de aí a construción da capela nas proximidades.


Estes días Manuel Gago deu conta dun petróglifo, o Meniño de Pedra, moi parecido a unha das figuras representadas na “Pedra das Cruces”. Coma sempre as hipóteses son dispares e os expertos nunca se poñen de acordo á hora de interpretar o significado da arte rupestre. Onde uns ven pendóns-estandartes, outros ven carros de guerra e noutros casos as figuras representan mapas ou pola contra calendarios solares.

Foto: Motivo grande na Pedra das Cruces.

Foto: O Meniño de Pedra (Capítulo cero).

Está visto que a arqueoloxía reescrébese contínuamente ¡por iso é tan apaixoante!.Para que vos mesmos poidades comparar, deixovos o enlace a Deuses e deusas na raia (II): a historia dos homes paxaro.


Igual que o Meniño de Pedra, a Pedra das Cruces está próxima (200m) a unha estrema entre concellos, a Parroquia de Louredo (as Mós) e a Parroquia de Nespereira (Pazos de Borbén).
Nos 37 comentarios da “Historia dos homes paxaro”, ninguén fai referencia a unha cronoloxía medieval.

Dende logo, segundo o publicado por Gago, eu aquí vexo homes-paxaro por toda a pedra.



Continuarei falando coas pedras de Louredo,... hai novos gravados sen catalogar que levan moito tempo calados.