6 de septiembre de 2012

XORNADA DE PEDRA NO INCIO. DESCUBRINDO O MÁRMORE GALEGO.

XORNADA DE PEDRA NO INCIO. DESCUBRINDO O MÁRMORE GALEGO.

                A fin de semana pasada celebrouse a IV Feira de Artesanía e Etnografía do Incio e fun convidado polo Concello a participar, xa que este ano estivo adicada á pedra. Ao cabo, resultou ser unha pequena xuntanza de canteiros na que tiven o gusto de coñecer a Jose Luis de Becerreá e ao canteiro local, Álvaro Pereiro Rodríguez.
                Tamén estiveron outros xamarúas arjinas (compañeiros canteiros) doutras ocasións como David Soengas, Ramón Villar e Laura Duve, compartindo esta bonita xornada adicada ao noso oficio. Fixemos unha demostración de cantería labrando unha pedra durante todo o día para que o público poidera seguir a evolución do noso traballo e tamén unha pequena mostra dalgunhas das nosas obras.
Foto: Javilla de arjinas (cuadrilla de canteiros). Con (de esquerda a dereita) Ramón Villar (Pardiñas-Guitiriz), Laura Duve (O Barco de Valdeorras), Álvaro Pereiro (O Incio) e Jose Luis (Becerreá).
                A feira tivo un pregoeiro de luxo. Calros Solla adicounos unha sentida gabanza, repasando historias dos vellos canteiros galegos e do seu Cerdedo natal, anécdotas de buxas (mestres canteiros) e morróns (aprendices), referencias ao verbo xido (a fala dos canteiros), cantigas de traballo e outras xideces (cousas bonitas) que fan fatularse (enorgullecerse) do noso oficio.
Foto: O pregoeiro, Calros Solla. A jalruada jinou a mazaricos de arría de todeitos nobis. Cernias de granxo.

FALANDO COAS PEDRAS - O MÁRMORE DO INCIO.


                Aproveitei esta viaxe ás terras do Incio para falar coas pedras e descubrir o mármore galego xa que descoñecía a existencia desta variedade de pedra na Galiza. E na súa procura visitei a Igrexa románica de Hospital do Incio, adicada a San Pedro Félix. 


 Fotos: Detalles das xambas, basas e capiteis da porta principal da igrexa.

                Este mármore foi utilizado en moitas edificacións de época romana na cidade de Lugo pero tal vez a obra máis coñecida sexa o Crismón de Quiroga
                No lugar de Pacios atopei a Javier, dono dos terreos nos que estivo a última canteira de mármore, abandonada varias décadas atrás debido á pouca rendabilidade. Aínda que a vexetación foi tapando toda a canteira aínda se poden ver algúns pendellos e outras construcións dos tempos da explotación que amablemente me amosou Javier, deixándome levar algúns cachotes deste mármore, un dos cales utilicei para labrar durante a feira.
Foto: Javier, veciño de Pacios e dono dos terreos da antiga canteira de mármore.
 
Foto: Peza que tallei na feira sobre un dos anacos de marmore da antiga canteira do lugar de Pacios.
                Non estou seguro pero creo que hoxe en día séguese a extraer mármore na localidade de Lóuzara (Samos).

 

O MUSEO DA PEDRA (BUXÁN).

                Por último, descubrín (e recomendo unha visita) a Casa-Museo da Pedra que rexenta o canteiro Álvaro Pereiro Rodríguez. A paixón deste escultor pola heráldica lévao a incorporar novos deseños nos seus escudos de armas e un bó exemplo é o que preside a entrada ao museo, no que incluiu a ferramenta dos canteiros especializados na lousa (de tradición familiar), que realmente é a pedra máis abundante de toda esta comarca. 
Foto: No escudo de arriba (no cuarto superior dereito) pódense apreciar as ferramentas propias dos canteiros da lousa.

                Unha das pezas máis curiosas do museo é este muíño barquiforme que destaca polo seu tamaño (nunca vira un tan grande) e pola inscrición (petróglifo) que se pode apreciar nun lateral e que Álvaro interpreta coma un cervo.
Foto: Muíño barquiforme con gravado lateral.

Foto: Muíño xiratorio.

Foto: Outra das pezas destacadas, procedente dun castro da zona, é esta pía circular con buraco de desaugue (probablemente unha sorte de morteiro ou prensa).


Foto: Álvaro posa diante dun retablo de mármore do Incio adicado a Sarria.

O museo complétase coa súa coleción de esculturas, heráldica e outras pezas arqueolóxicas que non puiden ver debido á nocturnidade da miña visita.
Se ides ás terras do Incio non deixedes de pasar por este museo e coñecer a Álvaro Pereiro. Estou seguro de que, se pode, será o mellor guía para visitar os castros da comarca e contarvos as lendas a eles asociadas.
Non podo máis que mostrar a miña admiración pola labor deste xamarúa, unha mostra de que, polo noso patrimonio, fai máis quen quere ca quen pode.

2 comentarios:

  1. Que mans máis boas tes , meu. Eu tentei tallar algunha vez pero sonche ben negado. Nin un muiño xiratorio como o que mostras fun quen de facer. Apertas.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas! Non che creo que sexas tan "negado". Penso que, máis ben non o tentaches con moitas ansias ou non tiveches bo mestre.
    De tódolos xeitos, eu teño unha habilidade natural xa que son da "Idade da Pedra". Aproveito para agradecerche novamente a viñeta que nos enviaches para a Festa da Prehistoria 2010, Lembras?).

    Moitisimas grazas por todo!

    ResponderEliminar