1 de junio de 2012

AS PEDRAS FALAN EN ALLARIZ

Hoxe inauguro exposición de escultura na sala “A Fabrica ” de Allariz. Ata alí chegou a miña colección “Pelouros”, estades convidados á inauguración que terá lugar ás 20:00h. Deixo aquí o enlace para que vexades os horarios e días de Apertura. Ademáis, os amantes da cultura castrexa poderedes ver esta reprodución a tamaño real dun guerreiro galaico coma os atopados no castro de Armea. Está instalada na alameda e polo tanto pódese en calquer momento.

A diferencia cos orixinais é que este está enteiro nunha sóa peza, coa súa cabeza, pernas,torques,etc,… e poderedes sentir a forza que transmitían estas imaxes á entrada dos castros. A función destas esculturas non está de todo clara pero asegúrovos que impón respecto.


Aproveitarei esta entrada para falarvos un pouco de Allariz incidindo nunha pedra que me deixou abraiado o día que a descubrin. Tal vez por resultarme parecida ás que tanto abundan na miña "Terra das Moas". Unha visita a este pobo, cheo de pedras que falan de tempos pasados, sabe a pouco xa que é imposible degustar tanta obra de cantería nunha soa xornada. Cando percorro os rueiros de Allariz teño esa extraña sensación de que as lousas do chan escoitan os meus pasos e nada do que faga ou incluso pense pasa desapercibido para os dinteis das portas ou os esquinais das casas. Pontes, igrexas, casas señoriais, murallas, as ruinas do castelo,…. Un mundo de pedra!.

Foto: Lumia en Sta. Mariña de Augas Santas.


Pero o mellor está a 6 Km da vila, en Sta. Mariña de Augas Santas.


Foto: Igrexa de Sta. Mariña de Augas Santas.

Aquí as construcións conteñen pedras que formaron parte doutro tempo histórico e a igrexa é impresionante. E despois baixamos ao forno da Santa, elemento da cultura castrexa cristianizado varios séculos máis tarde coa construción dunha igrexa que nunca foi rematada.

Alí as pedras parecen vixiar o ceo esperando a volta dos canteiros.

Foto: detalle do remate dunha columna no Forno da Santa.

En poucos metros xa estamos na Cibda (castro) de Armea e no recén descuberto (2011) Santuario do "Monte do Señorito".


Foto: Excavación no santuario do Monte do Señorito(2011).

A visita supón un percorrido a traves de miles de anos de historia labrados en pedra. Toda a información que precisedes está ao voso alcance nas guías que edita o concello e outras publicacións pero pouco se fala deste penedo.


Penso que estamos diante da orixe de todo o que acabo de enumerar anteriormente, a primeira das pedras sagradas de este lugar. Este é o mellor monumento de todos, levantado pola natureza e pulido polo vento e a chuvia.


Debaixo deste penedo agocharon o ouro os antigos poboadores de Galicia, os mouros, dos cales falarei proximamente. Non vin escultura mellor que esta en Allariz, está aí dende moito antes de que o home camiñase erguido. Non deixedes de falarlle a esta pedra.